Isto que é?

Cinema galego é un blog que quere servir de índice dos filmes de autores galegos que están xa colgados en Internet. Pedímosvos aos creadores audiovisuais galegos que subades á rede algúns dos vosos traballos e que os compartades con todos os usuarios. Podedes facer uso de calquera das plataformas de vídeo online de uso gratuíto que existen (Youtube, Vimeo, etc). No blog iremos dando conta pouco a pouco deses contidos.

Este é un proxecto aberto e colaborativo. Non se trata de que nós vaiamos subir os vosos filmes (aínda que se sodes moi zoupóns, podemos botarvos unha man), senón de repartírmonos o traballo: cada autor que o desexe que volque na rede as obras das que sexa dono, e no blog iremos creando anotacións a maneira de fichas para facer deste espazo un índice o máis completo posíbel.

Este blog é unha ferramenta de difusión da creación audiovisual galega, así que non nos vale calquera cousa. Non imos poñer vídeos de vodas nin xente practicando parkour; buscamos filmes, filmes con vocación de filmes. Podedes suxerirnos contidos escribindo a este enderezo:

Non dubides en facer autopromoción, para iso estamos! Tede en conta, iso si, que as persoas que manteñamos o blog farémolo por amor á arte (en concreto a sétima), así que ao mellor non somos tan dilixentes como nos gustaría para actualizalo (we’ll do our best anyway). Contamos coa vosa comprensión. Desexamos a vosa colaboración.