A. (Ángel Santos, 2002)

7 Xuño, 2011 (10:11) | Ángel Santos, Ficción

A. (2002)
Dirección e guión: Ángel Santos Touza
Intérpretes: Carolina Cabrerizo, J.Joaquín Gracia e Juan A.Moreno.
Duración: 12 minutos
Sinopse: Unha moza interrógase sobre a súa vida e sobre as relación coa xente que a rodea. Xiros, amor, tomas de decisión, xuizos, reproches, acertos, erros, desesperos… Curtametraxe dixital feita no marco do proxecto de estudos do CECC.

ÁNGEL SANTOS naceu en Marín, Pontevedra, en novembro do 76, estudou Historia da Arte en Santiago de Compostela e ao rematar trasladouse a Barcelona para realizar primeiro un curso de guión e finalmente diplomarse en Dirección Cinematográfica no Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC). O seu primeiro traballo importante é a curta A. (2002), que lle abre as portas para a realización dunha curta en formato cinematográfico: Septiembre (Los amores jóvenes) (2004), que chega a estrearse nos cines Casablanca de Barcelona. Xa de volta a Galicia imparte cursos de cinema para rapaces de primaria e colabora na realización de videoclips (Austria, MPSTK, Sugar Mountain). En 2008 presenta O cazador, adaptación dun texto de Chejov que é considerada unha das mellores curtametraxes do ano pola revista Cahiers du Cinema España. A peza vén de ser editada en DVD como complemento ao filme Singularidades de uma rapariga loura de Manoel de Oliveira.
A súa carreira como cineasta prosegue coa curta Sara y Juan e unha primeira incursión no ensaio documental, Fantasmas #1, visto no Festival de Xixón 2010. Actualmente traballa na posprodución da súa primeira longametraxe, Dos fragmentos / Eva, protagonizada por Iria Pinheiro, Isak Ferriz e Fernando Tielve. Alén do seu traballo como creador, dá clases de cinema na universidade e colabora como crítico na revista dixital Miradas de Cine.