Bs. As. (Alberte Pagán, 2006)

17 Marzo, 2011 (15:06) | Alberte Pagán, Experimental, Non ficción

Bs. As. (2006)
Dirección, guión, fotografía e montaxe: Alberte Pagán
Duración: 1h 19 min
Sinopse: “Bs. As.” é umha película sobre Buenos Aires e a sua relaçom com Galiza (sobre a emigraçom, portanto). “Bs. As.” escaravelha nas misérias, nas tragédias, nos traumas, nas separaçons, nos desencontros que a emigraçom conleva, e que a dia de hoje ainda perduram. Numha primeira parte, que poderíamos chamar prólogo, umha série de velhas fotografias reflictem o devir histórico dumha família, tam ligado a América. Estas fotografias serám a ancorage gráfica do relato que se desenvolverá a continuaçom. E falamos bem de relato, porque a voz tem grande importância na obra. Primeiro, umha voz nostálgica, desde aqui, desde Galiza, desde o passado buscando o presente, desde a ausência buscando a presença. A segunda parte do díptico (ambas secçons tenhem necessariamente que estar separadas, pola história, polo océano, pola distância, polo tempo, a máis terrível das distâncias) contém umha voz do presente, do lado de alá, num idioma alheo. A primeira voz é ancestral, oral: contos de inverno contados ao pé da lareira. A segunda é escrita, epistolar, moderna. Acodim a umha leitora com acento, emigrante tamém ela, porque o acento é a característica primeira do emigrante, o que o identifica, o que o discrimina. O epílogo é umha longa viage em metro: é a despedida, o afastamento da grande urbe. Nom hai contacto, nom hai voz: o machacom e obsessivo traqueteo das rodas nos raís percute na conciência do viageiro, do espectador, tomando o lugar das palavras e da dor que estas expressam.

Festival de Xixón 2006
Festival Punto de Vista 2007
Festival de Las Palmas 2007
Play-Doc 2007 (Premio Foco Galiza)
II Prémio Román Gubern (UAB)

ALBERTE PAGÁN naceu no Carballiño en 1965. É autor de varios textos sobre cinema: Introdución aos clásicos do cinema experimental, Imaxes do soño en liberdade: o cinema de Eugenio Granell, do capítulo dedicado ao cinema underground estadounidense no libro Dentro y fuera de Hollywood, o ensaio Residuos experimentales en Arrebato aparecido en Arrebato… 25 años editado pola Filmoteca Valenciana, e do libro A mirada impasíbel. As películas de Andy Warhol, primeira parte. Tamén escribiu A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake, ensaio sobre a derradeira novela de James Joyce. Como director fixo as películas Como foi o conto, Os waslala, Bs. As. (seleccionada nos festivais de Xixón e Pamplona e Premio Romà Gubern), Pó de estrelas (Festival de Pamplona), Tanyaradzwa, Eclipse

Comentarios

Comment from willard
Date: 17 Marzo 2011, 7:26 p.m.

Obra capital no cinema galego! Filme que transcende os seus logros artísticos cara outras valencias referenciais que a converten en esencial! Grazas Alberte!